AFAMMER Lugo pecha en Lugo o ciclo de Xornadas de Sensibilización e Concienciación sobre o Benestar da Muller en situacións de risco derivadas pola violencia de xénero coa participación dunha maxistrada e dunha supervivinte

O martes 5 de decembro AFAMMER Lugo desenvolveu en La Ferretería Eventos & Co a quinta xornada para a Sensibilización e Concienciación sobre o Benestar da Muller. Nesta ocasión, participou Sandra Mª Piñeiro, maxistrada titular do xulgado de instrucción nº 2 de Lugo e con diversas publicacións e relatorios específicos de violencia de xénero. A súa intervención centrouse en detallar os recursos xudiciais dispoñibles para mulleres vítimas desta violencia e os dereitos que as asisten. 

A xornada proseguiu coa testemuña dunha supervivinte de violencia de xénero que sufriu este tipo de violencia durante 15 anos e explicou como os recursos e dereitos explicados pola maxistrada lle axudaron na súa historia. 

Para pechar a xornada, estableceuse un debate/coloquio sobre a situación e vulnerabilidade específica da muller no rural e como se pode resolver para mellorar estes aspectos. 

Por último entregouse aos asistentes trípticos informativos sobre os primeiros sinais da violencia de xénero e diferentes recursos que a Xunta de Galicia pon a disposición das mulleres.